Como afecta a calor á nosa saúde?
Os días de calor intensa obrigan ao corpo humano a un esforzo de adaptación para manter a temperatura corporal normal: súase máis, as nosas veas dilátanse...
Este esforzo é maior:
- Durante unha primeira vaga de calor: o corpo aínda non está afeito ás altas temperaturas.
- Cando a calor continúa durante varios días ou se os días e as noites son quentes.
- Cando hai moita humidade e non hai vento.

Que podemos facer para protexer a nosa saúde?
Os problemas de saúde asociados ás altas temperaturas poden evitarse con medidas moi sinxelas:
- Beba moita auga ou líquidos sen esperar a ter sede, salvo se hai contraindicación médica. Evite as bebidas alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas.
- Nos días de intensa calor permaneza en lugares frescos , á sombra e, se é posible, pase polo menos dúas horas nalgún lugar climatizado. Tome unha ducha ou un baño fresco.
- Baixe as persianas evitando que o sol entre directamente. Non abra as fiestras cando a temperatura exterior é máis alta. Evite usar máquinas e aparellos que poidan producir calor nas horas máis calorosas. A partir dos 35º C no interior da vivenda, un ventilador só move o aire, non o arrefría. Utilice todas as medidas tradicionais ao seu alcance.
- Faga comidas lixeiras que lle axuden a repoñer os sales perdidos pola suor (ensaladas, froitas, verduras, gazpachos ou zumes, preferentemente naturais).
- Evite as actividades no exterior nas horas máis calorosas, sobre todo se as actividades son intensas.
- Se ten que permanecer no exterior procure estar á sombra, use roupa lixeira e de cor clara, protéxase do sol, use sombreiro. Utilice un calzado fresco, cómodo e que transpire.
As persoas maiores, os enfermos e os nenos teñen máis problemas durante as vagas de calor
A calor non afecta a todas as persoas por igual, algunhas teñen máis risco:
- As persoas maiores, sobre todo as que viven soas ou son dependentes.
- Persoas que están enfermas (enfermidade cardiovascular, cerebrovascular, respiratoria, renal, neurolóxica, diabetes...) ou medicadas (anticolinérgicos, antihistamínicos, fenotiazinas, anfetaminas, psicofármacos, diuréticos, betabloqueadores...).
- Persoas con facultades mentais diminuídas.
- Nenos menores de 4 anos.
- Persoas con moito peso.
Se é moi maior, toma medicación ou padece unha enfermidade crónica
Consulte co seu médico acerca das medidas suplementarias que debe adoptar. Siga tomando os seus medicamentos. Non se automedique.
Axude ás persoas máis fráxiles da súa contorna
- As persoas maiores que viven soas, as persoas con facultades mentais diminuídas ou incapaces de adoptar medidas protectoras sen axuda: Deben ser visitados ou controlados polo menos unha vez ao día (mellor dous) por un membro da familia, amigo, veciño ou polos servizos sanitarios ou de coidados a domicilio.
- Nenos de 0 a 4 anos. Asegúrese de que beben moito líquido, vístaos con roupa clara e lixeira e non os deixe nunca sós en automóbiles ao sol ou coas xanelas pechadas.
- As persoas que realizan traballos intensos, no exterior ou actividades deportivas intensas deben reducir a súa actividade nas horas de máxima calor, protexerse do sol e beber abundantemente bebidas que repoñan os líquidos e os sales perdidos pola suor (auga, zumes, froitas, gazpacho, bebidas deportivas ou rehidratantes...).
Que problemas pode producir a calor e como debemos actuar?
A calor pode producir desde irritacións na pel e cambras ata un aumento de temperatura tal, que pode levarnos mesmo á morte se non recibimos atención médica urxente.
O noso organismo está composto dun 60% de auga. A perda de auga e sales minerais pola suor, se non se repón, produce síntomas como dor de cabeza, mareos, debilidade muscular ou cambras, náuseas e vómitos e mesmo pequenas elevacións da temperatura corporal.
RECOÑECER OS PROBLEMAS DE SAÚDE QUE PRODUCE A CALOR É IMPORTANTE PARA TOMAR MEDIDAS
Cambras
Cambras musculares (en pernas, abdome ou brazos), sobre todo se se súa moito durante unha actividade física intensa.
Que se debe facer?
- Parar toda actividade e descansar nun sitio fresco.
- Evitar a actividade física intensa durante varias horas.
- Beber zumes lixeiros e bebidas deportivas diluídas en auga.
- Consultar ao seu médico se as cambras duran máis dunha hora.
Esgotamento por calor
Ocorre despois de varios días de calor: a sudoración excesiva reduce os fluídos corporais e a restauración dos sales.
Principais síntomas: debilidade, fatiga, mareos, náuseas, desmaio...
Que se debe facer?
- Descansar nun lugar fresco.
- Beber zumes ou bebidas deportivas diluídas en auga.
- Consultar ao seu médico se os síntomas empeoran ou duran máis dunha hora.
Golpe de calor
Problema grave: o corpo é incapaz de controlar a temperatura, que se vai incrementando rapidamente e pode alcanzar os 40,6º C.
Os síntomas principais: calor, sequedade e pel vermella, pulso rápido, dor intensa de cabeza, confusión e perda de conciencia.
Que se debe facer?
- Chamar a urxencias.
- Mentres se espera, arrefriar o corpo, estar nunha habitación escura, poñer panos de auga fría sobre o corpo ou darse un baño ou ducha fría. Sen axuda médica urxente, un golpe de calor pode ser fatal.
- As queimaduras solares prodúcense polo sol directo sobre a pel aínda que o día non sexa moi caloroso. Deben evitarse, estando menos tempo ao sol e usando cremas de protección.
FONTES
Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar social
http://www.msssi.gob.es/profesionales/saludPublica/prevPromocion/calor.htm