Os aguacates son moi beneficiosos para a nosa saúde e poden ser consumidos de moitas maneiras: servidos en ensaladas, mesturados con carne, peixes, mariscos ou hortalizas, como alternativa saudable para a merenda... O aguacate ten un alto contido en graxa, a maior parte non saturada, polo tanto, o seu valor enerxético é relativamente elevado. A continuación aportámosche unhas ideas para que inclúas o aguacate nos teus menús.
Propiedades e beneficios do aguacate:
O aguacate é unha froita que resulta beneficiosa para a nosa saúde.
O contido en auga desta froita é menor ao atopado na maioría das froitas; por outra parte, a súa composición en graxas convértena nunha das froitas que aporta máis enerxía.
Dentro da composición graxa deste alimento, destaca o ácido oleico, compoñente relacionado de forma positiva coa saúde cardiovascular.
Ademais destaca pola súa riqueza en fibra, maioritariamente insoluble, favorecendo así o tránsito intestinal.
É rico en minerais como magnesio e potasio. Tamén aporta vitamina B6, importante para o funcionamento do sistema nervioso e vitaminas E, C e K, con capacidade antioxidante.
O aguacate axuda a reducir o colesterol total e a súa fracción coñecida como “colesterol malo”, así como os niveis de triglicéridos en sangue, posiblemente pola acción do ácido oleico e da fibra presente.
A nosa suxestión: tres receitas con aguacate
- Ensalada de aguacate, mexillóns e leituga con iogur aderezado.
Ingredientes (4 personas):
- 250 g de mexillóns
- 200 g de aguacate
- 100 g de leituga
- 1 iogur aderezado con zume de limón e aceite de oliva
- 2 g de sal
Preparación:
Cortar en anacos cativos o aguacate, picar en xuliana a leituga e cocer os mexillóns. Mesturar todo e engadir o sal e o iogur aderezado con zume de limón e unhas pingas de aceite.
-Crema de aguacate e cabaciña
Ingredientes (4 personas):
- 500 g de cabaciña
- 2 aguacates maduros
- 50 g de cebola
- 1 porro (parte branca)
- 2 dentes de allo
- 500 mL de auga ou caldo vexetal natural
- 125 mL de iogur natural
- 20 g de queixo de ovella curado
- 10 mL de aceite de oliva
Preparación:
Pelar e limpar a cebola, o allo e o porro. Cortar en xuliana e sofritir nunha cazola con aceite de oliva. Lavar as cabaciñas e cortar en dados deixando a pel. Unha vez feito o sofrito engadir a cabaciña e refogar todo xunto para despois cubrir con auga ou caldo vexetal natural.
Déixase cociñar a lume moderado e cando a verdura estea cocida, bótanse os aguacates (só a porción comestible) e o iogur natural para sometelo a un triturado posteriormente. Engadir sal e unha cullerada de aceite, remexer e deixar arrefriar.
Cando se queira consumir pódeselle botar de maneira sólida, queixo de ovella ou máis aguacate.
-Crema de aguacate para o pan
Ingredientes:
- 1 tomate
- 1 aguacate
- Zume de lima
- Coandro
Preparación: Triturar os ingredientes no batedor. Untar 2 tostadas de pan coa crema de aguacate como alternativa na merenda.
Lembra:
1. Consume 3 ou máis froitas ao día.
2. Toma froitas variadas e con distintas cores para garantir así un aporte nutritivo axeitado.
3. Procura tomar sempre froitas de tempada.
Fontes