Presentámosche unhas recomendacións de carácter orientativo para a introdución paulatina dos alimentos.
Recomendacións xerais:
- Débese manter sempre un intervalo de tempo, de 7-10 días, entre a introdución dun e outro alimento, para conseguir a súa adaptación e identificar a aparición de reaccións adversas.
- Nunca se debe facer unha mestura de alimentos ata que se introduzan cada un deles por separado.
- Débense ter presentes as tradicións alimentarias da zona, a dispoñibilidade de alimentos e as recomendacións pediátricas.
Cereais
- Proporcionan enerxía, minerais e vitaminas do grupo B.
- Deben ser fortificados en ferro.
- É aconsellable administralos sen glute durante o primeiro semestre (arroz, millo, soia, tapioca).
- O glute (trigo, cebada, centeo) non se debe introducir nunca antes dos 4 meses nin despois dos 7 meses. A súa introdución debe ser gradual, mentres o bebé continúa a lactar.
- Ten presente a presenza de glute en galletas, pan etc.
Froitas
- Proporcionan minerais (potasio, magnesio, calcio, selenio, etc), vitaminas (A, C, folato, carotenos, etc), auga , fibra e compostos "bioactivos" moi beneficiosos para a saúde.
- Primeiro débense introducir as froitas que teñen zume e elixir as que sexan menos ácidas e as máis maduras, xa que senón poden producir rexeitamento. Pódense preparar trituradas, en puré pouco espeso, sen fíos nin pebidas, despois de eliminar o corazón.
- Unha inxestión elevada pode limitar a doutros alimentos.
- Non se deben administrar zumes ata que o lactante poida beber por cunca. A administración con biberón, especialmente en aqueles azucrados, aumenta o risco de carie dental.
- Débese ter presente o seu efecto laxante e os posibles síntomas ou signos clínicos de intolerancia.
Verduras, hortalizas e legumes
- Proporcionan vitamina C, ß-carotenos e vitaminas do grupo B, calcio, ferro, magnesio, potasio e proteínas.
- Unha inxestión elevada pode producir malestar abdominal e flatulencia, por unha achega excesiva de fibra.
- Unha cantidade moderada de fibra, proporcionada por unha axeitada alimentación complementaria, é beneficiosa.
- As espinacas, a remolacha, os nabos, a col e o repolo en cantidades moi elevadas, poden causar metahemoglobinemia en lactantes pequenos.
Carne
- É rica en proteínas e ferro..
- Ten un alto valor nutricional e prepararase en forma de puré, sendo mellor aceptado se se mestura con verdura.
- Débense administrar carnes pouco graxas, eliminando a graxa visible e a pel.
- As vísceras (fígado, riles, miolos, etc.) non son recomendadas.
Peixe
- É tan rico en proteínas coma a carne. Contén fósforo, zinc, calcio, selenio, iodo, vitaminas do grupo B e graxa saudable, o seu alto contido en ácidos graxos omega 3, favorecen o desenvolvemento cerebral e visual do neno.
- Débese ter presente que o peixe conxelado posúe o mesmo valor nutricional có fresco.
- Por ser potencialmente alerxénico introducirase a partir dos 9 meses de idade.
- Prestarase atención á presentación de síntomas ou signos de reacción alérxica e terase presente que os peixes, sobre todo aqueles de maior tamaño e vida máis longa, poden conter sustancias tóxicas coma o mercurio, con efectos negativos para a saúde.
Ovo
- Proporcionan proteínas de alta calidade nutricional, vitaminas A, D, B12, folato, minerais (fósforo, selenio, calcio, ferro, etc.) e ácidos graxos esenciais, con predominio de ácidos graxos insaturados, en especial oléico.
- Débese introducir primeiro a xema cocida e en cantidades crecentes, xa que a clara é máis alerxénica, ao conter as proteínas (tendo presente como xa foi dito que a introdución tardía dos alimentos alerxénicos non parece diminuir o risco de alerxia).
- Recorda que pode provocar alerxias.
Glute
- Glute pode producir intolerancias pasaxeiras e en lactantes que teñen enfermidade celíaca, a introdución temperá dá lugar a complicacións severas.
- Recoméndase a súa introdución (trigo, avea, centeo e cebada) nunca antes dos 4 meses nin despois dos 7 meses, e preferiblemente facer una introdución gradual mentres a nena está tomando a leite da nai.
Os “potiños” ou “tarriños”
Os alimentos frescos e de temporada son sempre recomendados. Debemos ter presente na preparación dos purés que se pode engadir aceite de oliva, pero nunca engadir sal ou azucre. Os potiños ou tarriños son tamén un bo alimento para o lactante con alimentación complementaria, xa que polo seu carácter fluído, facilitan a súa aceptación ao inicio, permiten o desenvolvemento do gusto por novos sabores e son constantes na súa composición, que é sometida a controis rigorosos.
O leite de vaca e os lácteos
O iogur e o queixo fresco poden ser introducidos a partir dos 8 meses. Polo contrario o leite de vaca non se debe introducir no primeiro ano de vida.
Unha incorporación precoz na dieta do leite de vaca pode supoñer:
- Unha excesiva inxestión de proteínas, sodio, potasio, calcio, fósforo e cloro.
- Alteracións no metabolismo do ferro ou risco de anemia ferropénica con consecuencias negativas para a saúde.
- Desenvolvemento dunha intolerancia e/ou alerxia ás proteínas do leite de vaca.
Recomendacións da Sociedad Europea de Gastroenterología, Hepatología y Nutrición Pediátrica para a introdución da alimentación complementaria:
- A lactación materna exclusiva durante os 6 primeiros meses é un obxectivo desexable.
- Non se debe realizar a introdución da alimentación complementaria antes da semana 17 de vida nin despois da 26.
- Non parece haber evidencia científica de que evitar ou retardar a introdución de alimentos potencialmente alerxénicos como peixe e ovo, reduza o risco de desenvolvemento de alerxia, tanto nas lactantes consideradas de risco coma nas que non o son.
- Nos alimentados con leite de muller, a alimentación complementaria debe proporcionar unha cantidade suficiente de ferro.
- Non se debe introducir o leite de vaca antes dos 12 meses.
- É prudente evitar a introdución do glute antes dos 4 meses e despois dos 7. A introdución debe ser gradual, mentres a lactante está aínda recibindo o leite de muller, xa que isto pode reducir o risco de enfermidade celíaca, de diabetes tipo I e de alerxia ao trigo.
- Lactantes e nenos pequenos non deberían recibir unha dieta vexetariana.