Xente con vida

Blog Xente con Vida

Aprende a sentirte ben 15/02/2013

Roda de almorzos saudables

Vota:
Resultado:
(7 votos)
Compartir:
O almorzo diario asóciase cun maior equilibrio na nosa dieta e un mellor rendemento físico e intelectual. Ademais, axuda a conseguir unha correcta distribución das calorías ao longo do día e, desta forma, a un mellor mantemento do peso.
Roda_de_almorzos_blog  
 

Cada mañá, logo de 10 ou 12 horas sen probar bocado, necesitamos enerxía e nutrientes para cubrir as necesidades nutricionais diarias e afrontar as actividades que nos depara a xornada laboral ou escolar.


O almorzo é particularmente importante nas primeiras etapas da vida. Os nenos que non almorzan teñen un menor rendemento escolar, posiblemente pola falta de glicosa, que é o principal substrato para a actividade cerebral.


Que é un bo almorzo?

Un bo almorzo debería achegar polo menos entre o 20 e o 25% de toda a achega calorífica diaria. Aconséllase tomar un alimento de cada un destes tres grupos: lácteos, cereais e froitas. Co grupo dos lácteos contribuímos a garantir as nosas necesidades de calcio, especialmente importantes ao longo de todo o proceso de crecemento. A froita é rica en vitaminas e minerais, pero tamén en azucres simples que axudan a "recargar" rapidamente o noso organismo despois de 8 horas de xaxún. Cos cereais, ricos en hidratos de carbono complexos, dispoñemos de máis enerxía ao longo de toda a xornada.

Ademais destes tres grupos principais, podemos engadir calquera outro alimento. Os máis habituais na nosa dieta tradicional son o xamón montañés, o friame, o mel, o azucre, o ovo ou o aceite de oliva. Convén non abusar dos máis densos en enerxía e variar a miúdo as combinacións. Un almorzo composto de cremas caseiras (con ovo, leite e azucre) con galletas e macedonia de froitas é un exemplo dunha combinación excesivamente calorífica.

Roda_de_almorzos_saudables_completa
Como interpretar a roda dos almorzos saudables

A roda componse de tres semicírculos, cada un dunha cor: azul para o grupo dos lácteos, verde para os cereais e laranxa para as froitas. Os alimentos están ordenados segundo a súa achega calorífica, de menos (intensidades suaves) a máis (intensidades fortes). A diferenza entre os 3 grupos é considerable e é conveniente facer dúas aclaracións:

  • Recoméndase elixir habitualmente os lácteos da zona azul suave e de forma ocasional os da zona azul media, porque son máis ricos en graxa de orixe animal.
  • No grupo de cereais aconséllase consumir habitualmente todos os mostrados (combinando os máis caloríficos cos menos doutros grupos) e, ocasionalmente, elixir algúns que leven graxas ou azucre, como a pastelaría (incluída a caseira).
O almorzo infantil

Os expertos en nutrición aconsellan un almorzo cunha achega calorífica do 20 ao 25% do total diario. A porción de almorzo contribúe de forma significativa ao equilibrio nutricional, mellora a distribución da inxestión ao longo do día e a achega de micronutrientes. O almorzo na idade escolar está relacionado cun mellor rendemento escolar e un mellor control de peso. Naqueles escolares que non almorzan ou o fan de xeito incompleto a prevalencia de obesidade é máis alta. Recoméndase dispoñer do tempo suficiente para almorzar e facelo nun ámbito familiar axeitado. Para isto, os escolares deberían adecuar o horario da cea e as horas de descanso nocturno.

Deixa un comentario