Xente con vida

Blog Xente con Vida

Aprende a sentirte ben 20/03/2013

Beneficios do pan na dieta

Vota:
Resultado:
(2 votos)
Compartir:
O pan constitúe un alimento básico na dieta mediterránea. O consumo diario de pan integral fresco axuda ao equilibrio da nosa dieta, achegando nutrientes fundamentais para o noso organismo, coma o amidón e a fibra.
Pan
Beneficios do pan na dieta
  • Recoméndase o consumo de entre 4 e 6 porcións diarias de alimentos ricos en carbohidratos, coma pan, pasta, pataca, arroz, cuscuses e outros cereais, preferiblemente integrais. Os cereais deben constituír a base da nosa alimentación.
  • O pan é fonte de amidón, fibra, vitaminas do grupo B e elementos minerais.
  • O pan axuda á prevención de enfermidades coma o cancro de colon, aterosclerosis e enfermidade diverticular, entre outras.

O pan pode estar presente en todas as comidas do día. É recomendable o consumo de variedades integrais ou semiintegrais frescas, en detrimento de pans procesados con máis graxas engadidas, graxas trans e sodio.

Un alimento fundamental para a nosa dieta

O pan posúe un recoñecido valor nutricional e simbólico na nosa tradición cultural e alimentaria. Non obstante, en recentes estudos sobre consumo e hábitos alimentarios en España, púidose observar un descenso no consumo de cereais, sobre todo entre a poboación infantil e xuvenil, a favor doutros produtos procesados menos recomendables.

Segundo a "Enquisa sobre hábitos alimentarios da poboación adulta galega, 2007”, na dieta dos galegos o 48% das calorías achegadas pola dieta procede dos hidratos de carbono e o 30% das calorías totais procede dos cereais e derivados.

Aínda que este valor é superior á media española (41%), é insuficiente e non chega aos valores recomendados (50-55%). O consumo de fibra alimentaria é tamén inferior á media.

Aumentando o consumo de pan integral, verdura e froita, a nosa dieta achegaríase máis ao recomendado e saudable.

O valor nutricional do pan

O pan é rico en almidón, un dos hidratos de carbono que deben estar en maior cantidade na nosa dieta e que nos achegan unha fonte importante de enerxía.

Ademais, os pans integrais conteñen unha cantidade importante de fibra, un nutriente básico para regular o tránsito e a función intestinal e para manter o ecosistema da flora bacteriana intestinal. Por este motivo, o pan está considerado como protector ante moitas enfermidades, coma o cancro de colon, a aterosclerosis, a enfermidade diverticular, etc.

O pan é tamén unha boa fonte de vitaminas do grupo B e de elementos minerais. A riqueza nestes elementos depende do grao de extracción da fariña, polo que, dende o punto de vista nutricional, recoméndase o consumo de pans integrais ou semiintegrais frescos.

O pan engorda?

Aínda que o pan achega enerxía, non é causa directa do aumento de peso, sempre e cando se respecte a cantidade recomendada para cada caso e o consumo do resto de alimentos non exceda as necesidades enerxéticas individuais. Tendo en conta o seu valor nutricional o pan debe constituír unha parte destacable na nosa alimentación.

O consumo de pan contribúe ao equilibrio nutricional e calorífico, polo que, se se prescinde del, a dieta pódese desequilibrar a favor dunha maior contribución porcentual de graxas e proteínas.

Non debemos esquecer que entre o 50 e o 55% da achega enerxética diaria debe provir dos hidratos de carbono. Esta porcentaxe actualmente non se cobre e é substituída, en parte, polo consumo de graxas.

Artículos relacionados que poden interesarche:
Deixa un comentario