Xente con vida

Blog Xente con Vida

Aprende a sentirte ben 01/10/2015

Semana do corazón

Vota:
Resultado:
(1 votos)
Compartir:
XCV_corazon_mans

Do 28 de setembro ao 2 de outubro celebramos a “Semana do Corazón”, unha iniciativa para fomentar hábitos de vida cardiosaudables e concienciar sobre a prevención cardiovascular.

O 1 de outubro, Santiago de Compostela únese a esta celebración coa instalación no Hospital Clínico Universitario dun stand informativo. Nel poderemos saber como coidar o noso corazón, ademais de ensaiar a reanimación cardiopulmonar e coñecer o funcionamento dun desfibrilador semiautomático.

“Opcións de vida cardiosaudables para todos en calquera lugar” este é o lema escollido este ano para conmemorar o “Día Mundial do Corazón”, unha iniciativa da Organización Mundial da Saúde e da Federación Mundial do Corazón que ten por obxectivo sensibilizar á poboación sobre a importancia da prevención dos factores de risco das enfermidades cardiovasculares.

Actualmente este tipo de enfermidades son a primeira causa de morte en todo o mundo, sen embargo debemos saber que a enfermidade cardiovascular pode previrse cambiando factores de risco como o tabaquismo, a dieta pouco saudable e a falta de exercicio.

Aproveitando esta “Semana do Corazón”, dende Xente con Vida queremos animarvos a facer eleccións cardiosaudables na vosa vida diaria.

Lembra estes consellos e estarás coidando o teu corazón
  • Enche a cesta da compra con alimentos e bebidas cardiosaudables: inclúe máis froitas e verduras (intenta tomar cinco pezas ao día), incorpora froitos secos a túa dieta e aceite de oliva virxe extra.
  • Controla o consumo de alimentos altos en graxas, azúcares e sal
  • Come máis peixe que carne
  • Evita entornos onde se fume
  • Coñece o risco cardiovascular da túa familia
  • Aprende os signos ou síntomas do infarto ou ictus
  • Practica actividade física diariamente: desprázate a pé ou en bicicleta, evita ascensores, baixa do autobús un par de paradas antes do teu destino, camiña 30 minutos ao día e evita estar máis de 2 horas sentado
  • Anima aos nenos a ser activos
  • Reduce o estrés
XCV_BICI_GAL

 

Uníndose á celebración da “Semana do Corazón”, o Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela acolle hoxe unha xornada con diversas actividades.

  • No vestíbulo de entrada ao Hospital poderemos atopar un stand informativo sobre a importancia da actividade física e os hábitos de vida saudables. Profesionais sanitarios informarán de como coidar o noso corazón e o dos membros da nosa familia.
  • Os asistentes poderán coñecer o funcionamento dun desfibrilador semiautomático.
  • Realizarase un “desafío de reanimación cardiopulmonar básica” no que se dará a oportunidade ao público de ensaiar a reanimación cardiopulmonar básica con dous maniquís supervisados por instrutores. O 20% das persoas que sofren unha parada cardíaca sobreviven sen secuelas, cando se lles realiza unha reanimación básica, o problema é que só un 10% dos cidadáns e das cidadás saben como facela correctamente.

     

    FONTES
Deixa un comentario