Xente con vida

Blog Xente con Vida

Aprende a sentirte ben 18/10/2017

Vacínate contra a gripe!

Vota:
Resultado:
(1 votos)
Compartir:
Vacínate contra a gripe!

Poderá vacinarse ata o 29 de decembro nos centros de saúde, solicitando cita do xeito habitual ou no seu centro médico de referencia. O obxectivo da campaña é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas do padecemento da gripe, tentando minimizar o impacto na saúde mediante a súa prevención.

PORTADA.jpg

Deixa o virus fóra da casa, pensa nos teus e vacínate contra a gripe! Este é o lema da campaña de vacinación contra a gripe deste ano, se estás dentro dalgún destes grupos non esquezas acudir entre o 23 de outubro ao 29 de decembro ao teu centro médico:

  • Persoas de 60 ou máis anos, especialmente as de 65 ou máis anos.
  • Persoas de calquera idade residentes en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e outros centros de atención a crónicos).
  • Mulleres embarazadas en calquera trimestre da xestación.
  • Nenos e adolescentes con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico.
  • Persoas menores de 60 anos con patoloxías de risco.
  • Traballadores e estudantes en prácticas de centros sanitarios, servizos e establecementos sanitarios, tanto de atención primaria como de especializada, con especial énfase naqueles que atenden a grupos de risco.
  • Persoas que traballan en institucións pechadas.
  • Persoal que proporciona coidados domiciliarios a pacientes de risco.
  • Persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade.
  • Traballadores expostos directamente ás aves ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas e tamén ás aves silvestres.
CARTEL.jpg

Que se pode facer para previr o contaxio e a difusión da gripe?
  • Vacínese. A gripe, e principalmente as súas complicacións, o risco de hospitalización e morte, se reducen mediante a vacinación. En persoas de idade avanzada a vacina reduce a enfermidade e complicacións ata un 60% e as mortes nun 80%.
  • Lave as mans con frecuencia. Esta é a principal medida de hixiene. As gotiñas que se emiten ao tusir, esbirrar ou falar poden quedar nas mans, onde o virus pode sobrevivir uns minutos (menos de 5 minutos): por iso é importante o lavado de mans.
  • Ensine aos seus fillos e fillas a lavar as mans con frecuencia con auga e xabón, como mínimo durante 40 segundos e ata aproximadamente 1 minuto. Lembre que se vostede o fai será un bo exemplo.
  • Estas gotiñas tamén poden depositarse en superficies (de mobles, tiradores de portas, obxectos etc.), onde o virus pode permanecer de horas a días: por iso é importante limpar máis frecuentemente (a diario) estas superficies cos produtos de limpeza habituais.
  • Tape a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar.
  • Recorde evitar tocar os ollos, o nariz e a boca xa que son posibles vías de contaxio.
  • Utilice panos desbotables. Se non os ten a man, pode tusir ou esbirrar contra a parte interna do cóbado.
  • Mentres estea enfermo, evite o contacto estreito con outras persoas especialmente se presentan algún factor de risco.
  • Se está con gripe: quede na casa ata pasar 24 horas sen febre e sen tomar medicamentos que a baixen, a non ser que o seu médico lle faga outra recomendación.
  • Pense que no caso de que o enfermo precise saír da casa, se usase unha máscara cirúrxica podería evitar contaxiar aos demais.

LEMBRA QUE:

  • A gripe é unha enfermidade vírica, leve na maioría dos casos, que presenta os seguintes síntomas: pode aparecer febre igual ou maior a 38º, tose, dor de garganta, dor de cabeza, dor muscular, malestar xeral, conxestión nasal, esbirros e, tamén, vómitos e diarrea.
  • A vacina da gripe é a única vacina que se reformula cada ano, en resposta á variación constante dos virus gripais, co obxectivo de que os virus incluídos na vacina concorden cos circulantes. Por esta razón é necesaria a vacinación anual.
  • As vacinas antigripais utilizadas conteñen soamente virus inactivados (NON INFECCIOSOS), polo que é imposible que cause a gripe.

FONTES

Deixa un comentario