Como cada 6 de abril festéxase o Día Mundial da Actividade Física. Por este motivo, a Consellería de Sanidade e a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC), organizan unha ruta de senderismo para o domingo 8 de abril.
Datos da ruta
Data: Domingo, 8 de abril de 2018
Punto de encontro: Lugar de Buxos, parroquia de Parada, concello de Silleda (Pontevedra)
Hora do encontro: 11.00 horas
Tipo de ruta: circular
Distancia: 8 Km
Duración aproximada: 4horas
Dificultade: baixa
Descrición da ruta
Iniciamos a ruta en Buxos, na parroquia de Parada.Percorreremos un sendeiro circular que descobre muíños, fontes e lavadoiros restaurados por iniciativa veciñal. Destaca a importancia da auga nesta zona, descubríndonos regueiros, presas e caneiros.
Seguindo o curso dun regueiro, descendemos ata chegar á primeira das fontes restauradas, a fonte de Redemuiños. Nestes intres, a paisaxe tórnase en leiras e prados que desembocarán preto do Muíño dos Herdeiros. O traxecto continúa ata alcanzar a fonte de Rego do Foxo, e seguindo o ascenso, acadamos o punto máis alto de todo o sendeiro no que, tras atravesar un piñeiral, observaremos unha alvariza, formación arquitectónica popular da apicultura tradicional.
Seguindo a ruta chegamos ata o lugar da Coelleira, iniciando o descenso ata o lugar de Outeiro, onde atoparemos unha nova fonte e lavadoiro. Continuando o traxecto estaremos en Parada, onde ademais de admirar a fonte e lavadoiro renovados podemos visitar a igrexa de Santo Tomé de Parada.
A continuación, atoparemos a fonte do Piollo e a Fonte de Fraiz. Seguindo o sendeiro chegaremos a outra fonte e ó lavadoiro do Barro que atopa o punto final do percorrido no muíño e na fonte de Buxos.
Trátase dunha ruta cunha típica paisaxe da Galicia rural, con grandes pradarías verdes, casas de labranza e explotacións gandeiras, alternado con fragas de carballos, castiñeiros e piñeiros ao longo do traxecto.
Google maps
WikiLoc
ESTADES TODOS E TODAS CONVIDADOS!