Xente con vida

Blog Xente con Vida

Aprende a sentirte ben 25/05/2018

Manexo saudable da equipaxe

Vota:
Resultado:
(0 votos)
Compartir:
Manexo saudable da equipaxe

A campaña ‘12 meses, 12 consellos de saúde’, do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia céntrase, este mes, en mostrar á cidadanía, a importancia de elixir, axeitadamente, o tipo de equipaxe e a forma correcta de transportalo para evitar lesións.

Cos videoconsellos da campaña 12 meses, 12 consellos de saúde, o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) quere contribuír nas cuestións relacionados coa promoción e a defensa da saúde, resaltando ao mesmo tempo que, entre as principais funcións da Fisioterapia e dos/das fisioterapeutas, atópanse a promoción da saúde e a prevención da enfermidade. 

ART_87_PORTADA.png

As maletas tipo “trolley” de catro rodas son máis adecuadas para as costas que as que levan dúas. Estas últimas, esixen unha maior extensión do ombreiro e rotación externa que, xunto co peso que transportan, aumentan o risco de sofrer lesións tanto no ombreiro como no cóbado. Por contra, as de catro rodas favorecen posicións máis naturais nas articulacións implicadas, deslízanse xunto a nós á hora de camiñar, minimizando así, os riscos de lesión.

Así o explica o videoconsello da campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”, no que se mostran consellos sobre como elixir, organizar e transportar a equipaxe para evitar lesións.

Os fisioterapeutas recomendan unha boa elección do tipo de equipaxe adecuándoo ás características de transporte e manexo que se vai a realizar para reducir o risco de lesións.

Equipaxe para viaxar en avión ou tren

Se optamos por viaxar en avión ou tren, é importante adoptar unha posición correcta do noso corpo á hora de manipular e colocar as maletas na cabina ou estantes destinados á equipaxe. Recomendamos manipular os obxectos e as maletas usando os xeonllos e rotando o noso corpo para non lesionar as costas.

Para levantar a equipaxe desde o chan débense flexionar os xeonllos e non abrir os brazos por encima dos 35º sobre o plano frontal.

Tamén é recomenable levantar a equipaxe entre dúas persoas para dividir o peso e reducir o risco de lesións agudas en pescozo, ombreiros, zona lumbar, etc.

Equipaxe para viaxar en coche

Para viaxar en coche, os fisioterapeutas recomendan colocar a equipaxe de forma que permita unha boa visibilidade ao condutor, non só para evitar accidentes, senón tamén para impedir que se produzan lesións derivadas das malas posturas adquiridas para poder ver de forma adecuada polos retrovisores.

Segundo un estudo publicado por RACE, á hora de viaxar en coche, o 21,4% dos enquisados transportan equipaxe dentro do habitáculo do coche. Ademais, o 35% dos condutores ordena a equipaxe por peso, o 25% por tamaño, e o 25% restante en función de criterios de funcionalidade.

Neste sentido, para evitar lesións e tamén accidentes, debemos transportar toda a equipaxe no maleteiro. Os vultos máis pesados deben colocarse en primeiro lugar e as maletas máis grandes e ríxidas ao fondo, colocando despois a equipaxe máis lixeira encima.

Non se deben colocar obxectos na bandexa traseira, porque diminúen a visibilidade do condutor e poden ser moi perigosos en caso de accidente, ao converterse en proxectís, que poden alcanzar tanto, ao condutor como aos pasaxeiros. A unha velocidade media de 60km/hora, a inercia multiplica por 56 o peso dos obxectos.

Mochilas

Se nos decantamos por utilizar mochilas, recomendamos que as dimensións sexan acordes ao tamaño do noso corpo e que se adapte á envergadura das nosas costas. A forma correcta de colocala é apoiando os tirantes sobre a zona anterior dos nosos ombreiros e abrochándoa á cintura, evitando así, oscilacións que poidan producir lesións nas costas ou nos ombreiros.

Ao cargala ou retirala, debemos xogar coa lonxitude dos tirantes para evitar movementos excesivos de extensión dos ombreiros, así como a súa rotación e a do pescozo, que poden producir dor e incapacidade funcional.

Para colocalas no maleteiro, cabina de avión ou tren, seguiremos as mesmas recomendacións que coas maletas.

En todo caso, ante calquera molestia ou dor causada polo manexo da equipaxe é recomendable acudir á consulta dun fisioterapeuta.

Podes visualizar este consello na seguinte ligazón: https://youtu.be/0lO2QYI5Nxo

E todos os vídeos da campaña pódense visualizar aquí: https://www.cofiga.org/ciudadanos/sala-de-prensa/vídeos

AUTORÍA

2_4.jpg

Deixa un comentario