Xente con vida

Blog Xente con Vida

Aprende a sentirte ben 29/10/2018

Campaña de vacinación antigripal

Vota:
Resultado:
(2 votos)
Compartir:

Arranca a campaña de vacinación da gripe 2019. Poderás vacinarte ata o vindeiro 27 de decembro no teu centro de saúde solicitando cita do xeito habitual ou no teu centro médico de referencia. O obxectivo da campaña é preservar a saúde colectiva e a das persoas cun maior risco de desenvolver complicacións por esta enfermidade, polo que non require diagnóstico nin prescrición previa.

Gripe_2019.jpg



As novidades máis salientables deste ano son:

  • Utilización de 3 tipos de vacinas:

- Adxuvada para persoas de 65 e máis anos.

- Vacina tetravalente cultivada en liñas celulares para mulleres embarazadas e outras persoas de risco entre 15 e 64 anos.

- Tetravalente para poboación infantil entre 6 meses e 14 anos.

  • Vacinación en prematuros.
  • Vacinación en persoas con calquera trastorno da coagulación.

Lembra que se estás entre os grupos de risco debes vacinarte:

  • Persoas de 60 ou máis anos, especialmente as de 65 ou máis anos.
  • Residentes en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e outros centros de atención a crónicos).
  • Mulleres embarazadas en calquera trimestre da xestación.
  • Nenos e adolescentes (de 6 meses a 18 anos) con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico.
  • Persoas menores de 60 anos e maiores de 6 meses con patoloxías de risco.
  • Profesionais de centros sanitarios, servizos e establecementos sanitarios.
  • Estudantes en prácticas en centros sanitarios.
  • Persoas que traballan en institucións xeriátricas ou en centros de atención a enfermos crónicos.
  • Persoas que proporciona coidados domiciliarios a pacientes de risco ou a persoas maiores.
  • Conviventes (incluídos nenos) de persoas pertencentes a grupos de risco.
  • Persoas que traballan en servizos esenciais para a comunidade.
  • Traballadores expostos directamente ás aves domésticas ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas, e tamén ás aves silvestres.

 

Cartel_Gripe.png


LEMBRA QUE:

A gripe é unha enfermidade vírica, leve na maioría dos casos, que presenta os seguintes síntomas: pode aparecer febre igual ou maior a 38º -sobre todo os dous primeiros días-, tose, dor de garganta, dor de cabeza, dor muscular, malestar xeral, conxestión nasal, esbirros e, tamén, vómitos e diarrea.

O contaxio prodúcese persoa a persoa, principalmente a través das gotiñas de saliva e secrecións nasais que se expulsan ao tusir, falar ou esbirrar. Ademais, o virus pódese transmitir tamén indirectamente ao tocar algo que estea contaminado co virus da gripe e ao levar as mans aos ollos, o nariz ou a boca.

A vacina antigripal non só evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e, tamén, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe.

A vacina da gripe é a única vacina que se reformula cada ano, en resposta á variación constante dos virus gripais, co obxectivo de que os virus incluídos na vacina concorden cos circulantes. Por esta razón é necesaria a vacinación anual.

FONTES

​​​
Deixa un comentario