O novo vídeo consello da campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”, do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (COFIGA), está dedicado a como gozar da actividade do baile sen lesionarse, facendo fincapé na importancia de levar a cabo un quecemento previo antes de comezar a actividade para que o corpo se prepare de maneira gradual, de menos a máis. Podes consultalo no seguinte enlace: https://youtu.be/qccTDVZ2_Og

O baile, en todos os seus estilos, constitúe unha forma saudable e divertida de manterse activo. O baile mantén e mellora todas as capacidades físicas corporais: resistencia cardiorrespiratoria, forza e resistencia muscular, a aptitude neumotora e a flexibilidade. Ademais, cando se practica de forma regular proporciona beneficios non só a nivel físico, senón tamén a nivel psicolóxico e social. En definitiva, é unha actividade moi recomendable para manter ou mellorar a saúde, para desfrutar, manter a calidade de vida e a funcionalidade.
O baile, como toda actividade física, senón se fai adecuadamente, en ocasións, pode aumentar o risco de sofrer algún tipo de lesión leve. Os fisioterapeutas teñen os coñecementos corporais necesarios para previr ou tratar as posibles lesións ocasionadas.
A función do fisioterapeuta é facer un estudo minucioso dos xestos lesivos que se están realizando durante as diferentes técnicas e estilos de baile, dar maior elasticidade aos tecidos e máis flexibilidade ao sistema musculoesquelético, podendo chegar desta forma á máxima capacidade de cada bailarín, sen chegar a lesionarse. E no caso de que xa exista unha lesión, trátase da procura da súa causa, do seu tratamento e do acondicionamento do corpo para eliminala, evitando así a recaída e mellorando as condicións físicas para lograr unha mellor técnica do baile en cuestión.
No baile, a maioría de lesións son de orixe musculoesquelético, afectando a músculos, ósos e articulacións. Case todas elas ocorren debido a sobrecargas e microtraumatismos dos tecidos, aínda que en ocasións tamén se producen por accidentes traumáticos como pode ser unha caída. E este tipo de lesións na maioría dos casos son debidas a un lento proceso de desgaste provocado por unha técnica incorrecta (pouco depurada), o uso dun calzado inadecuado, unha volta precipitada á actividade ou unhas limitacións físicas persoais (musculares, articulares, respiratorias, etc.).
Por todo iso, os fisioterapeutas galegos recomendan realizar un quecemento previo, con movementos suaves e lixeiros que nos axuden a preparar os nosos músculos e articulacións e evitar posibles lesións.
Campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”
Con esta campaña o COFIGA quere poñer en valor a súa vocación de servizo público, contribuíndo de forma continuada, ao asesoramento da cidadanía en temas relacionados coa promoción e a defensa da saúde e a prevención da enfermidade.
Esta campaña conta coa participación dos Colexios de Fisioterapeutas de Andalucía, Cantabria, Cataluña, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Navarra e País Vasco.
COFIGA
O COFIGA é unha institución que representa a máis de 2.600 fisioterapeutas que exercen en Galicia e ten, entre os seus obxectivos:
- A salvagarda dos principios deontolóxicos e ético-sociais da Fisioterapia.
- A promoción da saúde e o benestar da cidadanía en colaboración cos poderes públicos.
- A promoción, a nivel científico, cultural, económico e social, dos fisioterapeutas colexiados.
Máis información sobre COFIGA , na web http://www.cofiga.org e nas redes sociais da institución colexial.