Xente con vida

Blog Xente con Vida

Aprende a sentirte ben 08/01/2020

A fisioterapia axuda a mellorar o estado de pacientes con problemas de ansiedade, insomnio ou estrés

Vota:
Resultado:
(1 votos)
Compartir:

No novo vídeo consello da campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”, do Colexio Oficial  de Fisioterapeutas de Galicia (COFIGA), os fisioterapeutas informan sobre as importantes  achegas da Fisioterapia na saúde mental da poboación e, concretamente, no tratamento  dun problema tan habitual na sociedade actual como é o estrés.



 

As estatísticas indican que nove de cada dez españois (96%) padeceron síntomas de estrés no último ano, e catro de cada dez (42,1%), fixérono de maneira frecuente ou continuada. Segundo o último videoconsello do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia a Fisioterapia mellora o estado das persoas con problemas de saúde como a ansiedade, a depresión, o insomnio ou o estrés, mellorando a súa funcionalidade e calidade de vida.

O estrés é a resposta do organismo a calquera estímulo ou condición que cre tensión. Pode definirse como un conxunto de reaccións fisiolóxicas que se presentan cando unha persoa sofre un estado de tensión nerviosa, produto de diversas situacións no ámbito laboral ou persoal: exceso de traballo, ansiedade, situacións traumáticas que se viviron, etc.

Ante esta situación, pódese alcanzar unha resposta beneficiosa, como ocorre no caso dos deportistas que se concentran durante períodos establecidos de tempo para conseguir determinados logros, o que se coñece como euestrés.

Pola contra, se a tensión impide á persoa volver á calma, este convértese en negativo, resultando unha situación do que se coñece como distrés.

O distrés adoita provocar a aparición de problemas físicos, como músculos entumecidos,  contracturas, cambras, dores de pescozo e costas, mesmo dores de cabeza (migrañas ou  cefaleas), problemas dixestivos, de osixenación por alteracións respiratorias ou para  conciliar o sono...

Estes problemas físicos son tratados desde a Fisioterapia por medio de diferentes métodos  e técnicas: terapias manuais, psicomotoras, de conciencia corporal e de relaxación,  biofeedback, estimulación multisensorial e, sobre todo, o exercicio terapéutico e a  actividade física adaptada. Métodos e técnicas que, tal e como sinalan os fisioterapeutas,  resultan altamente eficaces para mellorar o estado das persoas afectadas polos problemas  de saúde causados por patoloxías de saúde mental como o estrés ou a depresión.

Neste tipo de problemas de saúde, a investigación e a evidencia científica teñen demostrado a eficacia da Fisioterapia para reducir a tensión muscular e a dor que provocan as situacións de tensións, aumentando a vitalidade e diminuíndo a sensación de cansazo, mellorando a concentración e a sensación de benestar xeral, ademais de reducir os efectos secundarios do tratamento farmacolóxico e de contribuír a reducir o risco de enfermidades cardiovasculares ás que nos fai máis vulnerables as situacións de estrés.

Podes visualizar o vídeo na seguinte ligazón: https://youtu.be/jZnEVu01-3E

Campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”

Con esta campaña o COFIGA quere poñer en valor a súa vocación de servizo público, contribuíndo de forma continuada, ao asesoramento da cidadanía en temas relacionados coa promoción e a defensa da saúde e a prevención da enfermidade.

Esta campaña conta coa participación dos Colexios de Fisioterapeutas de Andalucía,  Cantabria, Cataluña, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Navarra e País Vasco.

 

COFIGA

O COFIGA é unha institución que representa a máis de 2.600 fisioterapeutas que exercen en  Galicia e ten, entre os seus obxectivos:
        ◦  A salvagarda dos principios deontolóxicos e ético-sociais da Fisioterapia.
        ◦ A promoción da saúde e o benestar da cidadanía en colaboración cos poderes públicos.
        ◦ A promoción, a nivel científico, cultural, económico e social, dos fisioterapeutas colexiados.
 
Máis información sobre COFIGA , na web http://www.cofiga.org e nas redes sociais da institución colexial.

 

AUTORÍA

COFIGA.png

Deixa un comentario