Xente con vida

Blog Xente con Vida

Nenos e mozos 26/09/2017

Entrevista a María Jesús Casado Barrio, profesora IES Daviña Rey de Monforte de Lemos

Vota:
Resultado:
(1 votos)
Compartir:
Entrevista a María Jesús Casado Barrio, profesora IES Daviña Rey de Monforte de Lemos

O Plan Xermola é unha iniciativa da Consellería de Sanidade dirixida á prevención da obesidade infantil en Galicia.

ART_76_PORTADA.png

Dentro deste plan, encádrase o Programa Xermolón, destinado aos centros educativos de ensino secundario e que promove a alimentación saudable a través da adquisición de pautas de consumo responsable.

Un dos centros educativos participantes no Xermolón é o IES Daviña Rey de Monforte de Lemos, hoxe falamos ca profesora deste instituto, María Jesús Casado Barrio, para que nos conte a experiencia que levan a cabo co alumnado dentro desta iniciativa.

1. Como desenvolve o seu centro o programa Xermolón?

O programa desenvólvese en formato "proxecto", dado que se enmarca dentro do Plan Proxecta da Consellería de Educación. Ao principio do curso presentamos ante o claustro de profesores a temática a desenvolver durante todo o ano académico, neste caso, "Alimentación saudable" e ademais incluímos "consumo responsable de alimentos" e "exercicio físico". O profesorado interesado en participar ten que comprometerse a introducir dentro do currículo das súas materias actividades sobre esta temática, e colaborar nas que se constrúan de xeito interdisciplinar ou intercursos.

A partir de ahí fórmase un equipo de docentes que se reúnen periódicamente para elaborar, coordinar e difundir as actividades, e ao remate do curso se fai unha recompilación e avaliación do traballo realizado.

2. Cales son as actividades que se realizan?

As actividades son variadas. No curso pasado, participaron as materias de matemáticas, educación física, bioloxía, programación, métodos estatísticos, anatomía, promoción de estilos de vida saudable e o departamento de orientación; polo tanto se fixeron tratamentos concretos da temática en cada materia, e outros en conxunto. Además, na materia de matemáticas se desenvolveu, xunto con alumnado de Portugal e Canarias, un proxecto etwinning coa mesma temática co nome de "Factoriza tu dieta", e se participou nun concurso organizado por un centro Finlandés que fixo que se incrementase a difusión por varios países.

Estas actividades están (na maioría) recollidas en blogs; hai un principal, que ten o nome do proxecto, comacinco, outro de xogos, e outro relacionado coa parte internacional. As direccións son estas:

Dada a cantidade de tarefas que se fixeron ao longo do curso, un total de corenta, decidiuse facer un diagrama de Gantt, que se pode consultar na primeira entrada do blog, e que expón o tempo dedicado a cada unha e os cursos e materias implicados.

3. Cal é a participación do profesorado e do alumnado?

A participación do profesorado ten dúas facetas, unha individual e outra colectiva. Na primeira se contextualizan os contidos das súas materias no tema a traballar, neste caso é a alimentación, polo que se buscan contidos que traten a composición dos alimentos, a lectura de etiquetas, o valor enerxético, o efecto que teñen na saúde os seus elementos, a composición corporal, a actividade física e a hidratación, a relación entre alimentación e exercicio, a conservación dos alimentos, cómo evitar os desperdicios innecesarios, ..., e tamén os xogos, dende a materia de programación (1º de ESO).

Respecto da parte colectiva, se organizan actividades nas que interveñen varias materias, de xeito que o alumnado realiza un traballo que contén aprendizaxes interdisciplinares. Un exemplo é o estudo da composición corporal, na que se fixeron medicións durante as clases de educación física con axuda do alumnado de anatomía de primeiro de bacharelato, e se recolleron nunha folla de cálculo, que mais tarde se utilizou tamén na clase de matemáticas.

O alumnado tamén traballa de xeito individual ou en equipo, e participa nas actividades con compañeiros doutros cursos, por exemplo 1º de ESO e 1º de bacharelato fixeron unha comida con bocadillos saudables e analizaron os ingredientes (con distintos alcances).

4. Que materiais tedes realizado?

Este é un resumo de produtos finais. Aínda que houbo mais actividades, contamos os que saíron do entorno escolar porque se repartiron e entregaron ás familias e visitantes.

O alumnado de 1º de ESO e o de 1º de Bacharelato elaborou unha pirámide de Maslow coa axuda da orientadora, a profesora de educación física e a de matemáticas; que se repartiu entre os colexios e as familias. Os mais pequenos fixeron carteis con indicacións das calorías de distintos pratos, co tamaño das racións usando a man, e xogos co software Scratch dirixidos polo profesor de programación; e os maiores axudaron no deseño dunha bolsa co lema do proxecto.

O alumnado de 2º e de 3º de ESO traballou a relación entre a velocidade á que camiñamos e as calorías consumidas (segundo sexo, e a idade), e modificaron un mapa de rutas saudables en formato tríptico que tiñan do anterior proxecto (Tips de ruta) engadindo as kcal dos tramos, na clase de matemáticas. Tamén fixeron fotografías de comidas en coordinación con alumnado de Portugal e Canarias, que deron lugar a dous calendarios repartidos en xaneiro, con recomendacións nutricionais, asesorados pola profesora de bioloxía. Estes produtos axudan á difusión do proxecto e resultan moi motivadores.

O feito de estudar a composición corporal, a porcentaxe de graxa e de músculo, e o IMC, deu pé a pensar nos distintos instrumentos que se empregan para a análise da obesidade: follas de cálculo, táboas de valores e de cores, calculadoras e cintas, ..., e cal sería mais idóneo para empregar na aula. O resultado foi a construción dun novo instrumento, unha regra de cálculo de IMC que desenvolveu o alumnado de 2º de Bacharelato na optativa de métodos numéricos co seu profesor. A idea foi tomando forma e finalmente se deseñaron dúas regras, unha para adultos, en forma rectangular, e outra “universal” (a partir de dous anos), en forma circular. Actualmente están en fase de proba e de impresión para a súa distribución.

5. Todo o que ides facendo publicades no blog comacinco.blogspot.com.es, contanos máis sobre este blog.

O blog é o noso escaparate, proxecta ao mundo o que facemos e pon en valor o esforzo e traballo do noso alumnado. As entradas reflicten as actividades desenvolvidas e tamén amosan investigacións que facemos de cara a buscar outras novas. Por exemplo, dedicamos unha á química da cociña; nela falamos da reacción de Maillard e da cociña molecular, e isto o relacionamos coa visita que fixemos a un laboratorio de investigación alimentaria en Bilbao, Azti, onde vimos cómo se fan este tipo de estudos.

Preocúpanos que o blog sexa dinámico, ameno, con material audiovisual e interesante para calquera persoa, non só docentes. Parécenos importante a labor de concienciación social que resulte da súa lectura, de aí que tratemos o tema da alimentación e a saúde dende moitos aspectos.

6. Estades implicando non só os alumnos nun estilo de vida saudable, tamén o proxecto está saíndo as rúas de Monforte, de que maneira?

Como xa dixemos facemos bastante material para repartir entre as familias (calendarios, as pirámides, as bolsas ...), e algún de interese xeral como os mapas, que teñen moi boa aceptación. Buscamos a máxima difusión nos medios (prensa, radio, ...) e facemos traballo de campo. Os mapas foron distribuídos en colexios, establecementos comerciais e na oficina de turismo, e coas regras de cálculo do IMC faremos o mesmo. Neste momento estamos en conversas con distintos organismos para que nos axuden na difusión e distribución. Cremos que á poboación lles pode resultar útil, e ao noso alumnado moi motivador. De feito, os compañeiros portugueses fixeron unha xornada de concienciación na rúa na que medían e pesaban aos transeúntes e lles calculaban o peso ideal cun nomograma. Nós queremos facer algo similar empregando a regra que deseñamos.

E como diario de traballo están os blogs, que perduran no tempo, e que podemos retomar en calquera momento. O curso pasado a raíz da nosa participación no concurso finlandés recibimos moitas aportacións de centros educativos doutros países: pirámides de alimentos, pratos locais, ..., estes agradeceron que nós deramos a coñecer o que facían nas súas aulas, e nós puidemos ver que dende moi pequenos aprenden a comer de xeito saudable. Resultou moi enriquecedor.

7. Como valorarías todo o que levades feito? Ves os alumnos realmente implicados?

Fixéronse bastantes actividades, aínda que nos quedaron outras por completar, por exemplo, nunha sondaxe sobre hidratación que fixemos conxuntamente con Portugal e Canarias, restrinximos a análise das preguntas porque obtivemos moitos datos; un xogo con preguntas sobre os talleres nos que participamos con fotos extraídas dos traballos dos nenos, un medidor de racións de froitas, videotutoriais sobre como usar os aparellos dos parques biosaudables.…

Creemos que implicamos a todos os membros do proxecto, tanto o alumnado como o profesorado, e tamén ás familias. Introducimos cambios nos nosos hábitos: baixar a cantidade de azucre consumida diariamente, procurar tomar as cinco racións de froitas e verduras, facer as rutas do mapa, ler as etiquetas dos alimentos, valorar a súa composición… sobre todo mirar o que comemos e ter de man fontes fiables e serias para consultar en caso de dúbida.

8. Cres que podedes ser exemplo para outros centros educativos?

Mais que ser exemplos para outros centros cremos que podemos dar ideas sobre cómo abordar o consumo responsable de alimentos e o exercicio físico en distintas materias, dentro do currículo, e con actividades motivadoras de niveis moi diferentes.

Como conclusión, compre dicir que aínda que pareza un tópico, a saúde é o primeiro, e cada un de nós somos os responsables de coidala aplicando os coñecementos que adquirimos ao longo da nosa vida. Por iso é tan importante relacionar o que facemos nas aulas coa vida real; e si o vemos útil, dalo a coñecer para que outras persoas fagan o mesmo.

Ademais queremos salientar que o traballo por proxectos é un garante da aprendizaxe por competencias, e debe ser parte integrante do currículo de secundaria. Todo o alumnado debe coñecer esta forma de traballo dentro da xornada escolar xa que nun futuro será necesaria para desenvolver a súa vida laboral.

Agradecemos a tódalas persoas que nos axudaron aportando información e probando materiais, en especial á Doutora Ana Mª Martínez Lorente, que dende un primeiro momento atendeu todas as consultas que fixemos, e tamén ao equipo directivo do centro que pon á nosa disposición cantos materiais necesitemos para conseguir os nosos obxectivos.

Participantes.

Alumnos: ESO e bacharelato, cen persoas.

Profesores:

  • MARÍA JESÚS CASADO BARRIO. Persoa coordinadora e docente de matemáticas.
  • FÁTIMA RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ. Docente bioloxía e xeoloxía.
  • GEMA GANDÓN BERNÁRDEZ. Docente educación física, anatomía, promoción de estilos de vida saudable.
  • MARCELINO PEDREDO ARIAS. Docente matemáticas.
  • AMANCIO RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ. Docente Métodos estatísticos e numéricos.
  • CARLOS GONZÁLEZ ALONSO. Docente programación.
  • DOMÍNGUEZ GONZÁLEZ NIEVES. Orientadora.
  • Asesora do SERGAS Ana Mª Martínez Lorente.
  • Asesoras da Consellería de educación: Mónica Martínez Baleirón e Julia Taboada Martínez.
INFORMACIÓN DE INTERESE.

FONTES

  • Equipo de Xente con Vida
Deixa un comentario