Xente con vida

Blog Xente con Vida

Nenos e mozos 13/06/2013

O teu fillo non come froita e verdura?

Vota:
Resultado:
(1 votos)
Compartir:
Moitos de vós consultástenos como podedes conseguir que os vosos fillos acepten as froitas e verduras con normalidade. Ante a falta de trucos infalibles, propoñémosvos algunhas recomendacións.
comida divertida  
  • A infancia e a adolescencia son as idades máis axeitadas para fomentar actitudes saudables porque é cando se consolidan os hábitos alimentarios que permanecerán ata a vida adulta.

Unha alimentación saudable e actividade física diaria son claves para que os nenos se desenvolvan correctamente e evitar a obesidade infantil. Conseguir que os pequenos coman de todo, non deixen as verduras no prato ou acepten a froita, ás veces non é tarefa doada. Competir na casa coas comidas preparadas e os snacks que anuncia a publicidade, tampouco. Non desesperarse e adicar un tempo a comer en familia é importante para inculcar hábitos de alimentación saudable nos máis pequenos.

Que podemos facer para que acepten todo tipo de alimentos?

  • Ensinar a comer é unha tarefa difícil e require paciencia e aprendizaxe diarias. Non te desanimes e segue insistindo con agarimo.
  • Introduce pouco a pouco novos alimentos na súa dieta diaria para que vaia acostumándose aos diferentes sabores e texturas, sempre de acordo co teu pediatra.
  • Busca preparacións atractivas e coloristas. Os nenos, ao igual que os adultos, primeiro comen coa vista.
  • Varía as froitas para que se afaga ás distintas texturas e ofrécellas en distintos momentos do día para aproveitar aqueles nos que estea máis receptivo.
  • Ter o froiteiro con pezas variadas de tempada ao alcance dos nenos e adolescentes favorece que tomen froita a media mañá ou á merenda.
  • Na variedade está o gusto: no canto de cociñar sempre as mesmas verduras, aproveita as que están en tempada e aposta por preparacións diferentes.
  • Fai da ensalada fresca e variada un habitual na túa mesa. Chegará un momento no que a coman por imitación dos adultos.
  • Cantas máis cores haxa no prato, mellor: elixe verduras de cores vermello, laranxa, verde, branco, amarelo ou violeta.
  • A hora da merenda: aproveita que está rendido e con fame para ofrecerlle merendas saudables.
  • Non deixes que se salte nunca o almorzo: debe supoñer polo menos entre o 20 e o 25% de todo a achega calorífica diaria e ha de incluír unha porción de lácteos, froita e cereais. Sen almorzo o rendemento escolar reséntese.
  • Evita as bebidas azucradas e carbonatadas. Dálle auga e zumes de froitas naturais.
Menús divertidos
Tortilla vexetal

TORTILLA DE CORES

Ingredientes: Acelgas, champiñóns, salsa de tomate natural feita na casa, ovo.

Preparación: Ferve as acelgas, escórreas e reserva. Cociña os champiñóns nun fondo de aceite de oliva con allo e perexil. Fai unha tortilla francesa con cada unha das verduras e preséntaas con salsa de tomate.


VOLCÁNS

Ingredientes: Pataca, porro, ceboliña, salsa de tomate natural feita na casa.

Preparación: En aceite de oliva sofrite o porro, a ceboliña e as patacas cortadas en láminas. Engade un pouco de auga e deixa cocer. Cando as verduras estean no seu punto, prepara un puré. Preséntao en forma de pequenos volcáns no prato e verte a salsa de tomate a xeito de lava. É un bo acompañante de peitugas de polo ou filetes á prancha.

Deixa un comentario