Infórmate dos obxectivos e características da alimentación nas etapas preescolar e escolar.
Na idade preescolar e escolar, a alimentación debe proporcionar a enerxía, os nutrientes e compoñentes bioactivos necesarios para favorecer un crecemento e desenvolvemento óptimos e unha boa saúde. Tamén debe previr enfermidades nutricionais tanto por exceso como por defecto.
Características desta etapa:
Crecemento lento e estable
Despois do primeiro ano, o ritmo de velocidade de crecemento faise máis lento progresivamente e a ganancia de peso tamén diminúe. Prodúcese un aumento importante das extremidades inferiores e pérdese masa, graxa e auga corporal, mentres que aumenta a masa muscular e se incrementa o depósito de mineral óseo.
Adquisición progresiva da madurez biolóxica, psicolóxica e social
Nestes períodos aumenta a motilidade, a autonomía, a independencia e a curiosidade por todo o que o rodea, sendo a boca un instrumento para satisfacelo.
Etapa Preescolar
Neste período a dentición temporal xa apareceu na súa totalidade e o grao de madurez acadado pola maioría dos órganos e sistemas é similar ao do adulto. A regulación do apetito, o desenvolvemento funcional do aparato dixestivo e neuromuscular acadou un nivel de eficiencia que permite que o neno coma só, empregando mellor os utensilios e incorporándose á mesa dos adultos.
Na etapa preescolar comeza a adquisición dos hábitos alimentarios. Empeza o interese polos alimentos e aparecen as preferencias e aversións alimentarias. Pódense mostrar caprichosos e manifestar pouco apetito. Son monótonos na súa alimentación e a miúdo néganse a probar novos alimentos.
Aprenden por asociación e imitación dos seus pais e de todo o grupo familiar, o que fai que a familia xogue un papel fundamental na adquisición de hábitos saudables. O sistema de subornos, premios e recompensas podería actuar negativamente na propia regulación da inxestión por parte do neno , así, como unha excesiva permisividade ou autoridade.
Outro feito a ter presente é que cada vez máis nenos incorpóranse xa no primeiro ano de vida as garderías e posteriormente as escolas infantís. Por tanto, durante unha parte moi importante do día están fóra do fogar, sen a supervisión familiar. Por isto, os pais deben coñecer moi ben que alimentos sólidos e líquidos, que preparacións culinarias se lle ofrecen o seu fillo e que inxestión fixo este tanto en cantidade como en tipo e variedade, co fin de poder complementar os déficits coa comida que fai na casa. Os pais tamén deben preocuparse do grao de actividade física e do tempo de inactividade relacionado coa visión da televisión, videoxogos, etc. que fixeron durante o día.
Calquera alteración na inxestión do neno debe consultarse co pediatra.
Etapa Escolar
Na etapa escolar comeza a consolidación dos hábitos alimentarios. A familia segue desempeñando un papel primordial, pero aumentan progresivamente as influencias externas a el, como os compañeiros, a escola, o comedor escolar e a publicidade alimentaria nos medios de comunicación. Por iso é de enorme interese para que o neno alcance uns hábitos saudables o control ou a supervisión dos pais da inxestión de alimentos e bebidas que fai o seu fillo fóra do fogar ou neste sen a súa presenza e da actividade e inactividade física que realiza.
Unha dieta familiar saudable, ademais de favorecer a saúde nutricional do neno, constitúe un seguro para cando esta se vaia incorporando progresivamente á vida social e escolar fóra do fogar e quede exposta ao modelo de hábitos dietéticos dos seus compañeiros non sempre axustados a un patrón saudable.
Debemos ter presente que a escolarización, cada vez a unha idade máis temperá, converte a escola nun punto crítico para a correcta alimentación do neno, para a práctica da actividade física e outros hábitos saudables, con repercusión positiva en toda a familia e con efecto duradeiro.
Publicacións relacionadas que poden interesarche: