Xente con vida

Blog Xente con Vida

Aprende a sentirte ben 15/01/2015

Un neno obeso ten un 86% de risco de ser un adulto obeso

Vota:
Resultado:
(4 votos)
Compartir:
A obesidade é xa un problema de saúde pública, cunha preocupante prevalencia en nenos e adolescentes. Como atallala?. O doutor Felipe Casanueva conta cun currículo profesional cum laude: director científico do Centro de Investigación Biomédica CIBERobn, presidente da Sociedade Española para o Estudo da Obesidade (SEEDO), xefe do Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e catedrático de Medicina da USC. Ninguén mellor ca el para axudarnos a poñer o foco de atención nunha das epidemias mundiais do século XXI.
obesidad infantil
  • Un 23% da poboación española adulta sofre obesidade, considerada unha enfermidade crónica.
  • O crecente aumento da prevalencia mundial da obesidade está relacionada co cambio nos nosos estilos de vida durante as últimas décadas.
  • A elevada tasa de obesidade en nenos e adolescentes require intervencións específicas, como o Plan Xermola para a prevención da obesidade infantil.

Recentemente foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Belgrado. Na súa intervención, instou á necesidade de emprender programas efectivos que freen o alarmante ascenso da obesidade. Podemos considerala unha pandemia?

É unha enfermidade que foi definida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como unha epidemia mundial. Un 30% da poboación adulta ten obesidade. Pero non só preocupa o número de persoas afectadas, senón a súa velocidade de crecemento, que é explosiva. Nestes momentos os países con maior taxa de obesidade son Arabia Saudí, EUA e México. España avanza a unha velocidade moi preocupante, cun 23% da poboación adulta con obesidade. Estamos a falar duns 8 millóns de persoas, unha cifra aterradora.

Que factores provocaron que nos encontremos nesta situación?

Hai moitos e aínda descoñecemos a causa exacta. Evidentemente, a obesidade ten unha base xenética. Ao longo da evolución, o ser humano dotouse de xenes cuxa misión era aforrar enerxía, froito dun ambiente hostil no que non había comida todos os días e era necesario facer un gran gasto de enerxía para sobrevivir.

Pero o mundo cambiou…

Exacto, sobre todo dende a II Guerra Mundial. Afortunadamente, reduciuse o gasto de enerxía para traballar, tanto no fogar coma no traballo, e a alimentación é barata e rica en calorías. A conxunción de ter uns xenes preparados para un mundo que xa non existe nunha realidade radicalmente diferente provoca que haxa un desbalance enerxético entre o que comemos e o que gastamos. A obesidade é como unha conta bancaria: se vas metendo diñeiro e nunca gastas nada, ao final terás moito diñeiro, neste caso graxa. Esta é a explicación sinxela, pero o tema é moito máis complicado. Temos unha situación moi problemática a nivel de saúde pública e de gasto no sistema sanitario e hai que facer o posible para atallalo.

A receita para combatila parece fácil: alimentación saudable e actividade física. Tanto nos costa modificar o noso estilo de vida?

É evidente que comer san e movernos máis funciona. De feito, durante a Posguerra en España non había obesos e os xenes que tiñan os españois de entón son os mesmos que os nosos. Pero o reto é saber que facemos agora que temos a obesidade instaurada, xa que é moi difícil combatela. Por iso necesitamos novos tratamentos e, sobre todo, novas medidas de prevención para un mundo novo.

Por onde empezamos?

A obesidade desbordou a capacidade de intervención dos sistemas sanitarios. Non temos fármacos eficaces, non coñecemos os mecanismos a fondo e hai tantas persoas afectadas que é imposible combatela simplemente a nivel médico. Requírese unha alianza dos especialistas coas autoridades sanitarias e as autoridades políticas para implantar medidas que eviten a propagación desta epidemia con resultados tan negativos para a poboación.

Qué tipo de medidas?

Necesitamos que os gobernos fagan intervencións regulatorias. Por exemplo, regulando a cantidade de parques de actividade física, obrigando aos arquitectos a cambiar a localización das escaleiras para que sexan máis visibles, regulando a alimentación dos nenos nos colexios, implantando impostos leves nalgúns alimentos... O mellor exemplo da necesidade dunha alianza entre científicos e políticos é o tabaquismo. Primeiro, os científicos demostramos que o tabaco era moi negativo para a saúde. Despois, convencemos á poboación diso. Aínda así, a xente non era capaz de deixar o tabaco. Entón logramos unha alianza cos sistemas políticos para que implantasen medidas, como prohibir fumar en lugares públicos pechados. Estas medidas derivaron nunha redución moi importante do consumo do tabaco e da enfermidade asociada. Conseguírono os políticos, tras mostrarlles nós o camiño.

Alarma a incidencia de obesidade nos nenos. Son os grandes afectados?

A obesidade infantil é o problema máis preocupante que temos agora mesmo. Estamos a observar un crecemento importante da obesidade en nenos e adolescentes. A OCDE (Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económicos) alertaba nun recente informe de que os nenos da área mediterránea teñen máis obesidade que os nenos do norte de Europa, o cal é sorprendente e ata chocante, posto que viven nun clima máis agradable para practicar actividade física. Ademais, hai un dato que a poboación habitualmente non coñece: Un neno delgado ten un 15% de risco de ser un adulto obeso, pero un neno obeso ten un 86% de risco de ser un adulto obeso.

Nos bebés e nenos todavía impera o sobrepeso como ideal de beleza…

Hai unha idea moi estendida, que nos legaron as nosas avoas, de que os nenos teñen que estar gordiños para estar sans e que durante a puberdade, cando dean o estirón, se lles pasará. É mentira. Nestes momentos é xusto ao contrario. Os nenos teñen que estar no seu peso correcto.

De feito, é vostede un dos coordinadores do Plan Xermola, o plan galego para a prevención da obesidade infantil.

Si. O Plan tivo unha primeira fase de estudo co obxectivo de ver a cantos nenos afectaba o problema en Galicia e establecer os alicerces para unha futura intervención, que debe ser o seguinte paso. En Arkansas, por exemplo, decidiron pesar e medir a todos os nenos ao entrar no colexio. Nos casos de obesidade, emitíase unha notificación privada aos pais informándoos diso e instándoos a que acudisen a un especialista. Estas medidas son as que faltan en Galicia e en España. Só con datos e falando diso non se vai controlar.

O plan busca unha intervención integrada. Que papel xogan as familias na prevención da obesidade?

As familias inflúen dunha forma moi importante. Recibiron receitas moi negativas, do tipo "un neno san ten que estar gordiño" ou "tes que deixar o prato limpo para levantarte da mesa". Ademais, temos unha xeración de pais que saíron dun antigo réxime ditatorial que non teñen ningunha autoridade sobre os seus fillos, que cren que o mellor é non lles levar a contra nunca. Así que se o neno non quere comer un prato de verduras, lle damos unhas salchichas con patacas fritas. Pero estou convencido de que cando se decaten do problema da alimentación, se van introducir melloras importantes. Mentres tanto, a única solución son os colexios. Aí é onde os nenos pasan máis tempo e onde hai un factor de socialización e novos hábitos. Mentres convencemos aos pais de que fagan o correcto coa alimentación de seus fillos, esperamos que os colexios, onde si poden intervir as autoridades, nos axuden.

Deixa un comentario